Ola! Chámome Ilda e son profesora de Lingua Galega e Literatura en secundaria. A primeira actividade que propoñedes dende o curso non resulta doada porque non se me dá nada ben falar sobre min. Aínda así, intentareino...
Son unha persoa constante que intenta solventar os obstáculos a base de forza de vontade e optimismo. Creo no traballo cotián, no día a día, como ferramenta de progreso, especialmente na educación xa que todos os días se debería aprender algo útil.
Encántame viaxar. A calquera lugar. En Galicia, en España... pero a miña debilidade chámase Londres. É unha cidade que me fascina pola súa actividade (de todo tipo), a súa diversidade, historia... Todo me gusta dela, ata a chuvia! Cando vou, traio comigo miles de fotografías de todos os seus recunchos. Tamén me gusta pintar (aínda que é unha actividade que teño un pouco esquecida), facer deporte, ler, escoitar música e moitas cousas máis.
Os desexos que hai na miña cabeza son varios e variados. Dende ter unha maior estabilidade no meu traballo que me permita desenvolver diversos proxectos ata exercer a docencia en Reino Unido. Gustaríame ensinar a miña cultura, lingua e literatura fóra de Galicia, para que o mundo nos coñeza mellor.
Un proxecto memorable no que tiven a oportunidade de participar foi no Proxecto Interdisciplinar "O camiño dos arrieiros", no instituto de Ponte Caldelas (Pontevedra). Aínda que a actividade xa estaba feita cando cheguei, tiven a oportunidade de coñecer todo o traballo de recuperación desta ruta. Profesorado e alumnado involucráronse dun xeito incrible. Para min, son un exemplo a seguir.
Imaxe 1.-Traballo en equipo
Fonte: www.edutecprof.blogspot.com.es
Imaxe 2.-Motivación
Fonte: www.navalonalcalde.es
Imaxe 3.-Superación
Fonte:www.coachinglab.wordpress.com



Ningún comentario:
Publicar un comentario